Oficina CEER
 20-07-2010
O REITOR DA UDC INAUGURA O CURSO DE VERÁN DE PONTEDEUME “PENSANDO NA SOCIEDADE DE VALORES”

O mércores, 21 de xullo, comezará o XIII Curso de pensamento Carlos Gurméndez. “Pensando na sociedade de valores. O Estado de dereito, a ética pública, os principios e a moral “ que terá lugar na Casa de Cultura de Pontedeume entre os días 21 e 23 deste mes.

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, inaugurará este curso, enmarcado dentro da oferta de cursos de verán da Universidade da Coruña e que se organiza conxuntamente co Club de Prensa de Ferrol, ás 10:30 horas, para dar paso á conferencia inaugural de Emilio Pérez Touriño “Despois do poder político, hai espazo para a utopía?”.

Ao longo dos tres días que dura o seminario, o programa inclúe conferencias sobre a voz das mulleres en Europa a cargo da parlamentaria europea Inés Ayala Sénder, a nova ética militar no século XXI, do almirante da Armada Miguel Fernández y Fernández, a xustiza e a lei do menor, do maxistrado Manuel Conde, as consecuencias dun mal goberno, do catedrático de Economía Aplicada Luis Caramés, o descontrol do poder e a partitocracia sobre a democracia, do catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid Fermín Bouza ou as reflexións sobre o laicismo, a igrexa católica, o islám e a islamofobia europea do catedrático de Teoloxía e Ciencias das Relixións da Universidade Carlos III Juan José Tamayo. As inscricións poden facerse a través da Oficina de Cursos da UDC (Tel. 981 167 000 ext. 1963) ou a través do Club de Prensa de Ferrol.

Fonte: