Oficina CEER
 28-07-2010
CIENTÍFICOS DA USC ESTUDAN REXIÓNS DO ADN IMPLICADAS NA PIGMENTACIÓN HUMANA CON FINS FORENSES E DE INVESTIGACIÓN CRIMINAL

Tamén poden ofrecer datos sobre a orixe xeográfica dun sospeitoso ou dun cadáver.

O Servizo de Xenética Forense da Universidade de Santiago, que dirixe Mª Victoria Lareu Huidobro, está integrado no Instituto Universitario de Medicina Legal da USC, dirixido por Ángel Carracedo. Traballan, entre outras liñas de investigación, na análise de rexións do ADN implicadas na pigmentación humana con fins forenses e de investigación criminal.

Este proxecto está coordinado polos investigadores Mª Victoria Lareu Huidobro e Chris Phillips. Sinalan que se están a centrar “na análise xenómica de SNPs, marcadores xenéticos que presentan unha variación dunha soa base”. Tal como explican, “o xenoma humano é moi parecido en todos os individuos, excepto algunhas zonas que nos diferencian uns doutros. Así, se no xenoma hai ADN de 3.000 millóns de pares de bases, trátase de buscar aquelas rexións que poidan ser diferentes entre as persoas, que mostren unha variabilidade, xa que en Xenética Forense necesítanse marcadores que poidan individualizar”. Por exemplo, se nun caso só se dispón dunha mancha de sangue, trátase de coñecer a probabilidade de que proveña dun determinado individuo.

Os investigadores traballan na busca de rexións do ADN implicadas na pigmentación humana, é dicir, que definan a cor dos ollos, do cabelo e da pel. Isto é interesante no eido da Xenética Forense porque o seu labor céntrase en aportar información aos xuíces instrutores ou á policía, en particular naqueles casos nos que a única proba é unha mostra biolóxica, como sangue ou seme.

A importancia da procedencia xeográfica dun individuo Os expertos da Universidade de Santiago tamén poden ofrecer datos sobre a procedencia dun sospeitoso ou dun cadáver, analizando as rexións do ADN que determinan a orixe xeográfica. Nesta liña, tal como afirma Phillips, “cos SNPs que estamos a analizar podemos indicar a que grupo de poboación pertence un individuo entre cinco grupos: europeo, asiático, africano-subsahariano, nativo-americano ou de Oceanía”.

O equipo da USC aplica os seus logros neste eido á busca de persoas implicadas en ataques masivos, como foi o atentado terrorista do 11-M. Neste caso o seu labor consistiu en dilucidar a orixe xeográfica dun sospeitoso a partir dunha mostra de ADN, posto que non estaba claro se era europeo ou norteafricano, xa que estes grupos de poboación son moi similares.

Colaboración con Scotland Yard na resolución dun caso O equipo participa en casos policiais relevantes, mesmo de alcance internacional. Así, teñen colaborado recentemente con Scotland Yard para tratar de capturar a un violador que levaba moitos anos agredindo a mulleres maiores. A única proba da que dispoñía a policía inglesa era unha mostra de seme e trataban de confirmar se era certo o que as testemuñas dicían. O problema era que o individuo atacaba pola noite, cuberto cunha máscara.

Ao facer a análise do SNP de orixe xeográfica e de ancestralidade, os resultados dos investigadores composteláns concluían que se trataba dun individuo africano cunha pequena mestura de europeo e de nativo-americano, o que indicaba que non era puramente africano. En canto á súa procedencia, situábano na zona do Caribe. Non obstante, unha das testemuñas aseguraba que tiña a pel branca. Pero cando o detiveron confirmouse que era negro e de procedencia caribeña.

A partir dunha mostra de ADN os investigadores poden coñecer se un individuo ten os ollos azuis ou se é pelirroxo Os achados do grupo aplícanse noutros casos como a identificación de persoas desaparecidas, cadáveres deteriorados, ataques terroristas, grandes catástrofes naturais, desaparecidos da Guerra Civil… Dende o punto de vista xenético, poden aportar os seguintes datos dun individuo: o sexo, a orixe xeográfica, se ten os ollos azuis ou non, e se é pelirroxo ou non. Para iso empregan SNPs en diferentes rexións do xenoma que definen estas características físicas. Tamén poden analizar se unha persoa ten tendencia a ser calva.

Os grandes avances do equipo céntranse nas rexións do ADN que indican a orixe xeográfica, que xa se están empezando a empregar noutros laboratorios. Ademais, traballan con SNPs de identificación individual, que permiten excluír a un sospeitoso ou dar unha probabilidade alta nos casos de identificación de persoas.

O equipo exporta os seus resultados a outros laboratorios.
Os investigadores da USC destacan que a investigación no eido da Xenética Forense pasa por moitos controis de calidade ata que se pode aplicar a casos reais. Nesta liña, o equipo da Universidade de Santiago forma parte de diversos grupos de expertos internacionais e no propio equipo contan con investigadores procedentes de diferentes países, o que lles permite implementar as técnicas que desenvolven noutros laboratorios. Ademais dos directores do proxecto , Mª Victoria Lareu Huidobro e Chris Phillips , no mesmo participan tamén Manuel Fondevila , Olalla Maroñas , Yarimar Ruiz (Venezuela) e Jens Söchtig (Alemaña) .

Fonte: http://xornal.usc.es/