Oficina CEER
 30-08-2010
VIGO ESTREITA COA UNIVERSIDADE DE MINHO A COLABORACIÓN NO EIDO DA NANOTECNOLOXÍA

Aproveitarán as súas sinerxías a través do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga.

Ambos reitores avanzaron tamén na gobernanza do Campus do Mar.

A colaboración no eido da nanotecnoloxía e os avances na cooperación no proxecto do Campus do Mar centraron a primeira xuntanza entre Salustiano Mato e o reitor da Universidade de Minho, Antonio M. Cunha. Ambos mandatarios coincidiron en salientar a necesidades de estreitar lazos neste campo de investigación, ligando estas parcerías ao Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga. Este centro naceu co obxectivo de convertese no escenario de traballo conxunto para universidades e centros de investigación de ambos marxes do Miño e reúne a preto de 400 investigadores. Segundo explicou o reitor vigués “tratamos de buscar e concretar fórmulas específicas de colaboración conxunta no campo da nanotecnoloxía”, vinculadas ao laboratorio, tanto no eido da investigación como no da oferta académica.

Inaugurado oficialmente hai algo máis dun ano, o centro de investigación internacional centra os seus esforzos en catro áreas de investigación relacionadas coa nanotecnoloxía: a nanomedicina; o control ambiental, de calidade alimentaria e de seguridade; a nanoelectrónica; e a nanomanipulación.

Avances tamén no Campus do Mar.
O apoio das catro universidades do norte de Portugal á candidatura do Campus do Mar a Campus de Excelencia Internacional confirmouse no mes de maio, pero nesta primeira reunión con Salustiano Mato, Antonio M. Cunha ratificou os acordos, ao tempo que se concretaron varios temas, como o da gobernanza do Campus do Mar. “O reitor luso aceptou o borrador da gobernanza, onde eles participarán no consello reitor cun representante”, apuntaba Mato. A implicación das universidades lusas escenifica o enorme interese que o proxecto esperta tamén en Portugal, que consideran unha oportunidade única para ambos países.

Ademais de felicitar a Salustiano Mato pola súa elección ao tratarse da primeira reunión entre ambos, na xuntanza tomaron parte tamén o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez e o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, e serviu tamén para darlle un pulo ao Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER. Presidido actualmente pola Universidade de Minho, o centro buscar sinerxías e complementariedades nos centros académicos universitarios da eurorrexión reforzando así as capacidades dos seus membros. De cara ao futuro do CEER, o reitor da Universidade de Vigo expresou o seu compromiso para “incentivar e reactivar a súa actividade, sobre todo de cara á profesionalización”.

Neste sentido, o CEER está traballando no deseño e posta en marcha dun Proxecto de Formación Continua Eurorrexional, que sería ofrecido polas 6 universidades implicadas no CEER (Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade de Porto, Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro). Este proxecto estará dirixido a traballadores en activo e empresarios cunha modalidade de formación a distancia "en liña", sobre todo de cara aos estudos de posgrao.

Fonte: http://duvi.uvigo.es