Oficina CEER
 03-09-2010
NATURE MEDICINE PUBLICA UN TRABALLO DA USC E CAMBRIDGE QUE DESCUBRE UN NOVO MECANISMO POLO CAL AS HORMONAS TIROIDEAS REGULAN A MASA CORPORAL

Identifícanse novas dianas para o tratamento de alteracións da masa corporal e a obesidade.

Investigadores das Universidades de Santiago e Cambridge acaban de publicar en Nature Medicine, unha das revistas de maior impacto no campo da Biomedicina e a de maior prestixio e impacto en Medicina Experimental, un traballo –‘ Hypothalamic AMPK and fatty acid metabolism mediate thyroid regulation of energy balance‘- que abre unha nova área de estudo no campo da regulación da masa corporal e a obesidade. A investigación descubre un mecanismo polo que as hormonas tiroideas regulan a masa corporal á vez que identifica novas dianas para o tratamento de alteracións da masa corporal e a obesidade.

O grupo de Miguel López e Carlos Diéguez, da Universidade de Santiago de Compostela-Instituto de Investigación Sanitaria e do Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn), en colaboración co equipo de Antonio Vidal-Puig, da Universidade de Cambridge (UK), descubriu un novidoso mecanismo mediante o cal as hormonas tiroideas regulan ese balance enerxético actuando nunha zona do encéfalo, o hipotálamo, especializada na regulación endocrina, a inxesta e a masa corporal.

Os investigadores demostraron que as hormonas tiroideas modulan o metabolismo lipídico (das graxas) no hipotálamo, e como consecuencia deste efecto estimúlase a actividade dos nervios (sistema nervioso simpático) que inervan o tecido adiposo pardo, onde se incrementa a expresión de xenes implicados na produción de calor corporal. En concreto, as accións no ámbito hipotalámico están medidas pola kinasa regulada por AMP (AMPK; do inglés, AMP-activated protein kinase).

Facilitar perda de peso.
A relevancia patofisiolóxica deste novo mecanismo queda demostrada polo feito de que é posible actuar no hipotálamo mediante métodos farmacolóxicos ou xenéticos e reverter así os efectos nocivos do hipertiroidismo sobre o peso corporal.

Os resultados suxiren que este mecanismo hipotalámico podería ser utilizado para activar o tecido adiposo pardo e inducir a perda de peso. Ademais, proporciónanse novas dianas terapeúticas para o tratamento de enfermidades asociadas á diminución masiva do peso corporal.

Hipertiroidismo e gasto enerxético.
As hormonas tiroideas son importantes reguladores do balance enerxético e da masa corporal ademais de regular a temperatura estimulando un tipo especial de graxa denominada tecido adiposo pardo. Aínda que tradicionalmente se considerou que en humanos o tecido adiposo pardo era unicamente significativo en recén nacidos, datos obtidos no último ano poñen de manifesto a súa gran relevancia na modulación da masa corporal tamén en adultos.

Os pacientes con elevados niveis de hormonas tiroideas, unha patoloxía coñecida como hipertiroidismo, caracterízanse pola súa delgadez a pesar de presentar unha elevada inxesta como consecuencia dun incremento do gasto enerxético que ata a data se lle atribuía á acción directa das devanditas hormonas sobre tecidos periféricos.

Fonte: http://xornal.usc.es