Oficina CEER
 21-03-2007
Analizan as posibilidades das redes Wimax

A Universidade da Coruña, a empresa Wireless Galicia e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) colaboran nun proxecto de investigación para propiciar o acceso sen fíos á rede en grandes extensións de terreo. Segundo os promotores, esta iniciativa analiza as posibilidades que ofrece a tecnoloxía Wimax, que posibilitará un futuro inmediato de acceso sen fíos á rede por medio de banda ancha en grandes extensións de terreo. Mentres o estándar WiFi chega a un radio de 300 metros, Wimax farao a 50 quilómetros. Engaden que será unha solución para que internet estea naqueles espazos rurais ós que non chegue o cable.

Este proxecto pretende acelerar a posta en marcha de infraestructuras de tecnoloxía Wimax e a investigación céntrase en lograr unha transmisión do sinal sen cortes nin interferencias. A universidade achega o seu coñecemento en ferramentas de investigación, Wireless Galicia a presenza no mercado para implementar as solucións que se obteñan e o ITG a súa experencia en proxectos de I+D+i.