Oficina CEER
 16-09-2010
A UNIVERSIDADE DE VIGO NA CRESTA DA OLA: LIDERA UNHA CAMPAÑA OCEANOGRÁFICA QUE PARTE ESTE VENRES

Estudiarán o efecto das masas de agua nos fondos marinos.

Parten este venres no Sarmiento de Gamboa cara o Mar de Alborán e o Golfo de Cádiz.

Na expedición internacional participan 40 investigadores, coordinados polo profesor Francisco Javier Hernández.

Os revelos e sedimentos mariños amosan as pegadas e impactos da circulación das masas de auga oceánica e o estudo destes permite coñecer a evolución dos fondos e as implicacións ambientais. Este campo, aínda pouco estudado, permitirá á comunidade científica contar cun valioso rexistro evolutivo dos fondos mariños. Recabar estes datos é o obxectivo principal da campaña oceanográfica que este venres parte no buque Sarmiento de Gamboa baixo a coordinación do profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Francisco Javier Hernández. Esta expedición buscará no Mar de Alborán, o Golfo de Cádiz e o Estreito de Xibraltar novos datos, mapas e imaxes que permitan “avaliar o efecto que ten na actualidade e tivo no pasado a circulación das masas de auga nestes tres contextos xeolóxicos diferentes”.

A expedición enmárcase dentro do proxecto de investigación Contouriber, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, no que toman parte 40 científicos de institucións nacionais e estranxeiras baixo un paraugas multidisciplinar. O proxecto comprende tres subproxectos, un liderado pola Universidade de Vigo, outro polo grupo Geomarco do ICM-CSIC e outro polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. A coordinación xeral dos tres corresponde ao profesor Hernández, que explica que se trata dunha iniciativa “moi importante e na que colaboran institucións internacionais de primeira liña”.

Modo de traballo e obxectivos.
A bordo do Sarmiento de Gamboa e ata o 14 de outubro os investigadores elaborarán mapas detallados do relevo submarino mediante ecosondas, obterán imaxes do subfondo mariño ata profundidades de 2-3 km mediante sistemas sísmicos, datos magnéticos e gravimétricos, e recuperarán mostras de sedimentos mariños mediante diferentes sacatestigos de sedimentos. Algúns dos resultados, como apunta Hernández, “achegarán conclusións inmediatas”, pero outros moitos deberán ser estudados en laboratorio, polo que para as conclusións finais haberá que agardar algúns meses.

A campaña pretende avaliar o efecto que ten no presente e tivo no pasado a circulación de masas de auga nos fondos do Mar de Alborán e no Golfo de Cádiz, á saída do Estreito de Xibraltar, para acadar catro obxectivos principais. Por unha banda trátase de caracterizar as estruturas xeolóxicas da marxe continental e como inflúen na circulación das masas de auga. Outra das finalidades é cartografiar, algúns por primeira vez, e determinar como se constrúen, os depósitos contorníticos (acumulación sedimentaria) xerados pola influenza das masas de auga mediterráneas. Ademais tratarase tamén de determinar a súa evolución en cada unha das zonas para reconstruír as variacións climáticas e do nivel do mar. Finalmente, os científicos do proxecto tentarán buscar as implicacións das masas de auga sobre os fondos mariños, tanto na presenza dos recursos minerais, como sobre o desenvolvemento de xeohabitats específicos.

Entidades participantes.
Ademais da Universidade de Vigo como coordinadora do proxecto, o CSIC e o IGME participan activamente nesta iniciativa o Instituto Español de Oceanografía e a Universidade de Cádiz, así como institucións estranxeiras como a Heriot Watt University (UK); Istituto Nazionale di Oceanografia e di Geofisica Sperimentale (Italia); Laboratorio Nacional de Energia e Geologia (Portugal); Renard Centre of Marine Geology, Ghent University (Bélxica); Research Naval Laboratory (USA); Universidad de Burdeos (Francia); Universidade de La Sapienza (Italia); Universidad de Rabat (Marrocos) e Universidade Pierre et Marie Curie (Francia). Por outra banda, o proxecto tamén conta co apoio de empresas como Repsol, TGS-Nopec, Seceg SA e Telefónica.

Punto de partida para outro proxecto punteiro.
Esta campaña científica servirá tamén para sentar as bases doutro futuro proxecto de investigación no que está involucrada a Universidade, co profesor Hernández á cabeza. Trátase dunha proposta, Gucadrill, xa aceptada para realizar sondeos profundos no Golfo de Cádiz e oeste de Portugal dentro do programa internacional Integrated Ocean Drilling Program, IODP. Segundo explica o profesor da Universidade, nas próximas semanas recollerán mostras dos puntos de perforación para nun futuro desenvolver o traballo a bordo dun buque punteiro para estas labores que ata o de agora só traballou unha vez en España. Nesa futura campaña, que tamén será liderada pola Universidade de Vigo, participará Dorrik Stow, director do Edinburgh Collaborative of Subsurface Science and Engineering, un dos maiores expertos neste eido a nivel mundial, que partirá o venres tamén a bordo do Sarmiento de Gamboa.

Fonte: http://duvi.uvigo.es