Oficina CEER
 21-09-2010
O NOBEL DA PAZ EN 2005 MOHAMED ELBARADEI, QUE CUALIFICOU DE “ERRO INXUSTIFICABLE” A GUERRA DE IRAQ, RECLAMA EN SANTIAGO UNHA MAIOR IMPLICACIÓN DOS PAÍSES RICOS

Aproveitando a súa presenza na Universidade de Santiago, o Premio Nobel da Paz 2005 Mohamed ElBaradei (1942, El Cairo) manifestoulle esta mañá aos medios de comunicación que a educación é a ferramenta coa que hai que comezar a traballar “para conseguir vivir unidos”. “Neste mundo de desigualdades, no que o que nos une é máis que o que nos diferenza, é o momento de que institucións da sociedade civil como as Universidades levanten a súa voz para non deixar que o mundo se destrúa a si mesmo”, dixo.

ElBaradei atópase estes días en Compostela para participar no Programa ConCiencia cunha conferencia sobre o futuro da enerxía nuclear ás 18:30 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia –que poderá seguirse en Lugo por videoconferencia dende a Sala de Xuntas da Vicerreitoría de Coordinación- e recoller o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Na rolda de prensa desta mañá estivo acompañado do reitor Juan Casares; do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; do presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; e o profesor Jorge Mira.

Armas nucleares.
A este diplomático exipcio recoñéceselle o seu esforzo por impedir a proliferación de armas nucleares, un asunto que o levou a criticar publicamente a Declaración das Azores que derivou na invasión de Iraq de 2003. ElBaradei, que entre 1997 e 2009 dirixiu a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA), estaba seguro da nula ou mínima capacidade do país iraquí para fabricar armas nucleares. Esa guerra, asegurou, foi un “erro inxustificable que non obedeceu á aplicación das leis internacionais e que tivo terribles consecuencias para a poboación”. Non obstante, o Nobel móstrase optimista e seguro que de as nacións “aprenderon da lección e non volverán repetir accións que obedezan a decisións unilaterais como esa”. “Temos que cambiar a concepción da seguridade mundial, eliminar as ambigüidades e establecer os mesmos estándares para todos os países”, rematou.

Axuda aos países pobres.
Interrogado sobre a polémica decisión de Sarkozy de expulsar de Francia a xitanos romaneses, o Nobel da Paz manifestou que o goberno dun país ten a responsabilidade de integrar ás persoas que viven nel sen que iso supoña un risco para a súa propia identidade cultural. Agora ben, matizou, “ non se trata de que todos veñan vivir a esta parte do continente” senón de que os países ricos axuden aos pobres a que cubran as súas necesidades. “Non é de recibo -puxo por exemplo- que este ano se gastase doce veces máis en armamento que en axuda ao desenvolvemento”.

Carreira diplomática.
Da súa carreira profesional destacan diversos postos diplomáticos en ministerios e organizacións Internacionais. En 1984 converteuse en membro da Secretaría da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA), exercendo primeiro como asesor legal e logo como director xeral.

Durante os seus tres mandatos xogou un papel clave na intermediación e inspección de armas de destrución masiva en Iraq e no control do armamento nuclear de Irán. Por esa razón en 2005 a Academia sueca concedeulle o Nobel, premiando "o seus esforzos para evitar que a enerxía nuclear sexa usada con fines militares e asegurarse de que o faga con fins pacíficos da maneira máis segura".

Premio Grupo Compostela.
Os actos do Nobel rematan este luns, 20 de setembro, ás 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa recepción do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que o xurado lle concedeu en recoñecemento á súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado, sinalaba o xurado na acta, destaca tamén pola súa loita “a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico”.
Con respecto a este recoñecemento, ElBaradei agradeceu ao Grupo Compostela que entendese a mensaxe de que “ter paz é traballar pola tolerancia, o respecto e as relacións interculturais”.

Fonte: http://xornal.usc.es