Oficina CEER
 24-09-2010
POLITÓLOGAS DE TODA ESPAÑA REFLEXIONAN ESTE VENRES NA USC SOBRE A PERSPECTIVA DE XÉNERO NA FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN DA CIENCIA POLÍTICA

A xornada forma parte dun proxecto pioneiro en materia de innovación docente no ámbito da Ciencia Política.

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acolle este venres 24 a xornada ‘A introdución da perspectiva de xénero nos estudos de Ciencia Política’ coordinada polo grupo de investigación Muller e Política e financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

A sesión, dirixida a toda a comunidade universitaria, reunirá a destacadas politólogas de toda España que a través de diferentes mesas redondas e da presentación de materiais audiovisuais reflexionarán sobre as estratexias para a revisión dos contidos docentes dende a perspectiva de xénero así como o estado da presenza das mulleres na formación e investigación da Ciencia Política.

As persoas interesadas en asistir e recibir un certificado poden apuntarse antes do comezo da xornada no propio Salón de Graos onde terá lugar.

Programa.
Tras a inauguración ás 9:30 horas a cargo da coordinadora do encontro, a profesora Marta Lois González, terán lugar dous relatorios sobre a presenza das mulleres na formación e investigación da Ciencia Política española e galega a cargo das profesoras Amparo Novo, da Universidade do País Vasco, e A. Alonso e Beatriz López, da USC. Deseguido desenvolverase unha mesa redonda para analizar a perspectiva de xénero na docencia dende o punto de vista do alumnado.

A xornada rematará pola mañá coa presentación, ás 13:00 horas, da páxina web do novo Grupo de traballo Xénero e Política e das conclusións por Isabel Diz e Marta Lois.

Proxecto pioneiro.
Esta xornada forma parte dun proxecto pioneiro en materia de innovación docente no ámbito da Ciencia Política. O grupo de traballo parte da constatación de que os plans de estudo asociados á titulación non están adaptados á normativa existente en materia de inclusión da perspectiva de xénero no Espazo Europeo de Investigación. Como consecuencia, formula a necesidade de xerar novos materiais didácticos e estratexias formativas que visibilicen a achega dos estudos de xénero na Ciencia Política.

Fonte: http://xornal.usc.es