Evento. Seminario da RIS3 Transfronteiriza da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Volver atrás
Evento. Seminario da RIS3 Transfronteiriza da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Representantes do ecosistema de I+D+i de Galicia e do Norte de Portugal, reuníronse o mércores 3 de xullo pola mañá en Ponte de Lima, para identificar as áreas prioritarias da RIS3 Transfronteiriza ata 2027.

Onte tivo lugar na Escola Superior Agraria do Politécnico Viana do Castelo, en Ponte Lima (Portugal), a sesión de apertura do Seminario sobre a nova Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza. O obxecto do evento foi abordar as áreas prioritarias e actuacións máis relevantes da RIS3 ata 2027.

Formaron parte da mesa que presidía o evento o director da AECT da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, Sr. D. Nuno Almeida, a directora da Escola Superior Agrária, Sra. Dª Isabel Valín, a directora de Servizos de Desenvolvemento Rexional da CCDR-NORTE, Sra. Dª Raquel Meira,  e a  directora da Área de Estratexias e Programas na Axencia Galega de Innovación (GAIN), Sra. Dª Sabela Pardo.

Na xornada participaron preto dun centenar de representantes das principais entidades de investigación e innovación de Galicia e do Norte de Portugal (Universidades, Centros Tecnolóxicos, Institutos e centros de I+D, Axencias, Administracións, Clústeres, Asociacións, etc). Durante a xornada, desenvolvéronse grupos de traballo temáticos para definir conxuntamente e mediante un proceso participativo, as áreas prioritarias e accións de cooperación transfronteiriza no ámbito da especialización intelixente.

O director da Fundación CEER, Prof. Dr. Ángel Miramontes, tamén asistíu a este seminario dados o obxecto fundacional da Fundación (esto é, 'a busca de sinerxias e complementariedades nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión’) e o interese do CEER en promover actuacións vinculadas á cooperación territorial en colaboración coa AECT-GNP, a CCDR-NORTE e a Xunta de Galicia.

Esta xornada foi o segundo dos eventos públicos da revisión da RIS3 Transfronteiriza, a primeira tivo lugar o pasado mes de maio en Vigo, e o proceso rematará en outono deste ano coa presentación da nova Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T). Ditos eventos enmárcanse no proxecto GOBERNANZA GNP, cofinanciado polo programa Interreg POCTEP (España - Portugal), e no que acompañan á GNP-AECT, GAIN e a CCDR-NORTE.