A xuntanza participativa do proxecto CAPRIF-CC en Laza reuniu a máis de 25 persoas e entidades relacionadas coa xestión multifuncional do monte

Volver atrás
A xuntanza participativa do proxecto CAPRIF-CC en Laza reuniu a máis de 25 persoas e entidades relacionadas coa xestión multifuncional do monte

▪ O obxectivo do proxecto CAPRIF-CC é o impulso e apoio á creación de iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte con comunidades rurais ▪ Neste primeiro “Living Lab” en Laza (Ourense) compartiuse a situación de partida e os resultados aos que aspira cada monte

O pasado xoves celebrouse no local da CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño a primeira sesión do “Living Lab” para o ámbito territorial do Macizo Central que, no marco do proxecto CAPRIF-CC (Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático) reuniu a representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos concellos de Laza e Montederramo, así como a técnicos forestais, responsables do proxecto e persoas e organizacións que pola súa traxectoria e perfil achegaron perspectivas e ideas para favorecer a innovación a xestión sostible do monte. A sesión estivo organizada pola Fundación Juana de Vega.

Os “Living Labs” son obradoiros participativos que se centran en facilitar o deseño dun modelo de xestión multifuncional para os propietarios forestais e para as Comunidades de Montes, reunindo a persoas e entidades que poden achegar perspectivas diversas e de grande interese desde a súa traxectoria e coñecemento, de cara a intercambiar perspectivas que favorezan a creatividade, a innovación e a viabilidade do sector forestal.

A do pasado venres, foi a segunda sesión de traballo das tres previstas ao longo do proxecto en cada un dos cinco “Living-Lab” nos que traballa o proxecto en Galicia e en Asturias. Neste primeiro obradoiro os asistentes compartiron unha visión do escenario de partida, así como os retos a abordar e as potencialidades de cada monte. Nos meses de setembro e novembro levaranse a cabo dúas sesións máis, centradas na innovación, para identificar liñas de actuación e deseñar as actuacións que se desenvolverán no marco do proxecto ata finais de 2025. Son voluntariado ambiental, certificación forestal, xornadas formativas e un programa de apoio ás ideas emprendedoras que xurdan no proceso.

O proxecto CAPRIF-CC ten o obxectivo de impulsar e apoiar a creación de iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte con comunidades rurais, en ámbitos de alto valor natural ou áreas queimadas de Galicia e Asturias, para aumentar a súa resiliencia  ante os incendios forestais e o cambio climático, demostrando a compatibilidade coa xeración de economía e emprego local. Con este fin, en Galicia o proxecto céntrase na  figura das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e dos Montes de Varas. En concreto, no ámbito do Macizo Central, foron catro as participantes: CMVMC de Camba, CMVMC de Tamicelas, Castro e Naveaus, CMVMC de Meda, Victón e Mallada Grande, e CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño.

Xunto coa Fundación Juana de Vega (coordinadores), o consorcio de CAPRIF-CC está  integrado pola Fundación Montescola (Lousame), a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), e CETEMAS (Centro Tecnológico y Forestal de la Madera), con sede en Siero (Asturias).

O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea- Next Generation UE.

__________________

Contacto: David López Wilkes. Fundación CEER. 881 015 781 / 627975615