As tres universidades galegas participan nun proxecto de integración urbana do río Tins

Volver atrás
As tres universidades galegas participan nun proxecto de integración urbana do río Tins

Cun orzamento de 800.000 Euros, o proxecto suporá a renaturalización da canle fluvial ao seu paso por Outes coa eliminación de especies invasoras.

Cun orzamento de 800.000 Euros, suporá a renaturalización da canle fluvial ao seu paso por Outes coa eliminación de especies invasoras.

O paseo fluvial Tins é un dos atractivos da Serra de Outes cuxa integración urbana e paisaxística pretende mellorar a través da execución dun plan estratéxico no que están implicadas as tres universidades galegas.

O seu desenvolvemento suporá a realización de traballos, estudos e análises de distinto tipo, todos eles dirixidos a conseguir a renaturalización do río. Entre outras actuacións, o proxecto prevé a eliminación de especies invasoras.

Cun orzamento de 800.000 Euros e un prazo de execución de tres anos, contará coa participación directa do Concello de Outes. O alcalde, Manuel González, explica que permitirá contratar un técnico de medio ambiente para traballar no proxecto e que tamén está prevista a intervención doutro persoal municipal.

A orixe. O mandatario sinala que a actuación se financia con fondos europeos e que foi unha proposta da Fundación CEER a que levou ao Concello a presentar a iniciativa.

Manuel González explicou que o enfoque de intervención formulado pola Deputación foi máis ambicioso, pero que se veu recortado por non conseguir todos os fondos necesarios para o seu desenvolvemento.

O presidente outiense destaca que a intervención tamén vai dirixida a evitar desbordamentos do río e que incluirá a realización de campañas informativas sobre a importancia de manter o río en condicións adecuadas.

Outro dos aspectos destacados por González é o feito de que Outes sexa o concello con menor poboación que conseguiu financiamento europeo para o plan de renaturalización do cauce fluvial.

A acción ten un carácter plural con respecto aos participantes, dado que tamén participa a Fundación Montescola.

Manuel González subliña que a súa finalidade é poder conseguir financiamento para, paulatinamente, completar todo o proxecto desenvolvido inicialmente e impulsar a renaturalización da canle fluvial.

Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/